639.129.683 / 629.329.267 / asociaciongatocan@gmail.com
Todos los animales
Noticias
Rastrillo o 17 de maio
15/05/2012
O próximo xoves 17 de maio celebrarase un rastro de comerciantes de Sada no que nos invitaron a participar, así que alí estaremos.

Esperámosvos.

Rastrillo o 12 de maio
11/05/2012
O próximo sábado 12 de maio celebraremos un novo rastrillo no lugar habitual, en Sada, nun dos lados da praza redonda situada fronte ao hotel Sada Marina.

Esperámosvos.

Campaña contra a venda ilegal de animais
04/05/2012
Hoxe dá comezo unha campaña contra a venda ilegal de animais entre particulares, organizada polas asociacións Libera, Abeiro (agrupación de voluntarios de Santiago) e Gatocan.

Para conseguir unha maior difusión da campaña imprimíronse folletos e carteis. Necesitamos voluntarios que axuden a distribuílos.

Máis información sobre a campaña en asociaciongatocan@gmail.com.

Gatocan en V Televisión
30/04/2012
O día 28 de abril V Televisión emitiu unha pequena reportaxe sobre os beneficios da acupuntura en animais, no que aparece Leyma, unha das nosas cadelas.

Damos as grazas a V Televisión por tan bonita e interesante reportaxe, que podedes ver na seguinte ligazón:

http://www.vtelevision.es/informativosv/2012/04/28/0031_26_137640.htm

Sorteo dun cadro do pintor Manuel Gandullo
05/03/2012
O pintor Manuel Gandullo tivo a xentileza de doar a Gatocan o cadro que podedes ver na foto, titulado "Porto de Sta. Mariña, Costa da Morte". É unha preciosa acuarela que enmarcada terá un tamaño aproximado de 60 x 80 cm.

Co fin de recadar fondos para a Asociación, o cadro será sorteado o 31 de agosto de 2012 entre aquelas persoas que adquirisen rifas aos nosos voluntarios, rifas que custan 2 euros cada unha e que están xa á venda.

A amizade non se compra. Actúa.
21/12/2011
O próximo domingo é Nadal e entre os regalos a moitos fogares chegará como sorpresa unha mascota. Invitámoste a actuar en contra da compra dun can ou un gato como regalo do Nadal; só tes que imprimir unha copia do precioso carteliño que encontrarás en

http://www.gatocan.com/documentos/LaAmistadNoSeCompra.doc

e poñelo no teu lugar de traballo, colexio, clínica, ximnasio, ou na tenda da esquina. Tamén podes contribuír difundindo o cartel en internet e usando en facebook como imaxe do teu perfil a mesma que puxemos nós. Cun pouco que axudes xa terás contribuído a previr o abandono.

Fotos da ruta de senderismo
03/11/2011
Atoparedes fotos da ruta de senderismo realizada o 29/10/2011 por Oza dos Ríos e Coirós no seguinte link:

http://imageshack.us/g/257/imagen2182.jpg/

Tamén podedes atopalas no noso perfil de facebook.

Esperamos que vos gusten.

Aclaracións
25/05/2011
Para aclarar as dúbidas que, as persoas que atendemos o teléfono de Gatocan, percibimos en moita xente que nos chama pedindo a resolución dos problemas que nun momento determinado se lles formulan, pasamos a resumir unha serie de circunstancias que se deben de ter en conta:

1. Gatocan NON é un servizo público de recollida de animais. É unha asociación PRIVADA sen ánimo de lucro mantida co diñeiro dos seus socios e o traballo dos seus voluntarios, que non cobran nada por realizalo.

2. As nosas instalacións teñen unha CAPACIDADE LIMITADA e dado que nin sacrificamos nin amoreamos animais, en ocasións, sempre máis das que quixeramos, temos que dicir: "non hai sitio".

3. Ao longo do ano axudamos a centos de animais, tanto dentro coma fóra do refuxio. Os que ademais de socios somos voluntarios, contribuímos en todos os aspectos para conseguir que os nosos animais teñan unha segunda oportunidade real, polo tanto, pregamos aos particulares que nos chaman, un mínimo de educación e un pouco de comprensión. Se non podemos axudalos nun momento determinado é, ben seguro, porque non podemos e non porque non queremos xa que nada, salvo o amor aos animais, nos obriga a facer o que facemos ao longo de todo o ano como para enriba ter que aguantar calumnias e impertinencias telefónicas de xente que o único que desexa é que lle resolvan un problema, moitas veces, co mínimo esforzo pola súa parte.

4. Prégase ás persoas que necesiten chamarnos por teléfono, fágano de 8:00 a 15:00 e de 17:00 a 22:00, xa que de 15:00 a 17:00 necesitamos comer, fregar, etc., é dicir, facer esas cousas que todo o mundo fai diariamente, e, a partir das dez da noite, necesitamos atender os nosos propios animais e descansar, xa que o espertador soa ás 6:30 da mañá do día seguinte para empezar unha nova xornada e así 365 días ao ano sen importar que sexa sábado, domingo ou festivo. Teñamos tamén en conta os numerosos traballos que unha asociación require aínda que non concirnan de forma directa aos animais pero que son necesarias para o seu funcionamento, posto que, aínda que sexa sen ánimo de lucro, non deixa de ter un funcionamento similar ao de calquera empresa.

Moitas grazas pola súa comprensión

Beatriz Martín
Presidenta de Gatocan

Multada unha adoptante por incumprir o contrato
09/01/2011
Pitufo foi un dos gatos que foron dados en adopción en Gatocán no ano 2009. Dende a súa adopción, e malia os diversos intentos levados a cabo pola asociación, non se conseguiu ter noticias del, nin poder velo, requisitos especificados claramente no contrato de adopción, polo que se optou por denunciar á adoptante coa finalidade de recuperalo. Esta última semana saíu a sentenza do xuízo e foinos favorable, tendo que pagar a adoptante 700 euros de multa por incumprimento de contrato, ademais das costas do xuízo. O fallo, emitido por un xulgado de Ferrol, é recorrible.

Malia estar contento por gañar o xuízo, renunciariamos con gusto á indemnización con tal de recuperar o pobre Pitufo, que a saber onde foi parar. Iso é o que realmente nos preocupa.